Friday 03 de May de 2024

Uns 150 veciños e veciñas de Lousame ateigaron a Casa da Cultura durante a presentación do libro “Os Bolechas van a Lousame”


 

Pepe Carreiro estivo máis de hora e media asinando e dedicando o seu libro a todos os pequenos

 

Casa da Cultura de Lousame quedou pequena para o acto de presentación do libro-guía “Os Bolechas van a Lousame”. Preto de 150 persoas, na súa gran maioría nenos e nenas menores de dez anos, foron os primeiros en poder disfrutar das aventuras dos Bolechas por Lousame e de levar cadanseu libro autografado polo propio autor, Pepe Carreiro, que durante máis de hora e medio estivo dedicando o libro a cada pequeno e debuxándolle a cada un a súa personaxe favorita.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu o traballo de Pepe Carreiro e destacou a importancia deste tipo de publicación “para dar a coñecer a riqueza deste fermoso municipio non só entre xente doutros municipios, senón tamén entre os nosos nenos e nenas”. Pola súa banda, Pepe Carreiro explicoulles aos pequenos que “Os Bolechas teñen visitado moitas vilas, pois son moi viaxeiros e mesmo foron a Pekín”.

Carreiro indicoulles aos rapaces que “en cada sitio que visitan, Os Bolechas teñen un amigo que lles amosa como é o concello. Neste caso chámase Martiño e o seu bisavó era mineiro en San Finx, que seguro que coñecedes mellor ca min. Entón Braulio inventa un péndulo co que di que pode atopar unha mina de brillantes cun péndulo que leva no peto. E non vos vou contar o final pois nun ratiño xa o ides poder ler no voso propio libro”.

Entrega a empadroados

Antes de asinar os libros, Pepe Carreiro tamén lles explicou aos nenos e nenas como fai para debuxar aos distintos membros desta popular familia, debuxando a Tatá e a Chispa. Tras esta demostración, os 120 cativos presentes levaron cadanseu libro “Os Bolechas van a Lousame”,  dedicado por Pepe Carreiro.

O Concello de Lousame, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a editorial Bolanda, editaron un total de 1.000 exemplares de “Os Bolechas van a Lousame”. A intención do Concello de Lousame é que cada neno/a empadroado no municipio poida ter un exemplar deste libro, que poderán recoller de xeito totalmente gratuíto na Biblioteca Municipal de Lousame. De feito, durante esta mesma mañá xa se repartiron outros 20 exemplares. O único requisito é estar empadroado en Lousame.